28 de febreiro de 2018

Hoxe toca cooperativa!

Hoxe é mércores, quere dicir que faremos productos na clase. Eu trouxen globos para os peixes antiestrés e para un dos productos que empezaremos a facer hoxe, as lanzadeiras de globos. Tamén empezaremos a facer pulseiras con gomas coma as das pelotas aparte dos outros productos.







Mateo Santos


27 de febreiro de 2018

TBO e non che creo

Hoxe estivo con nós Ángeles, unha das responsables do SPAD (Servizo de Prevención de Drogodependencias) de Vilagarcía de Arousa.

 Explicounos dunha forma moi detallada como o alcohol lle afecta a diferentes órganos do noso corpo e valeunos para repasar precisamente todos os órganos e aparatos que estudamos relacionados coa función de nutrición, pero tamén co sistema nervioso, a coordinación de movementos, a percepción e os tipos de resposta que se ven moi alterados na función de relación.

 Rematada esta parte máis teórica adentrámonos no mundo dos cómics e ensinounos cales son as características deste medio de expresión, pero tamén puidemos realizar prácticas de debuxos a partir de bocetos ben interesantes.





Os resultados foron sorprendentes. E aínda o serán máis cando rematemos o traballo proposto. Grazas, Ángeles.

Cos afillados

O luns recibimos a visita dos nosos afillados lectores. Traían unha carta consigo para cada un dos seus padriños. Nós agasallámolos cunha pequena postal chea de cariño e de adxectivos ben bonitos.  Sorprendeunos a nosa afillada Carolina lendo un precioso relato que ía presentar ao certame de Relato curto. Nós, tamén lles lemos o relato que a nosa Carolina  vai presentar. Rematada a lectura tres nenos de segundo recitaron un anaquiño dun poema de Rosalía de Castro. Para rematar todos os padriños e madriñas lectores recitaron o poema de Rosalía dende o inicio "Adios ríos, adios fontes" e acompañáronnos moitos dos afillados que o sabían moi ben. Foi unha experiencia moi bonita que agardamos repetir en breve.


Asemblea de socios da cooperativa

Onte a nosa presidenta, Salomé dirixiu a asemblea de socios para valorar como estaba indo a fabricación dos produtos. Despois dos acordos tomados nunha das últimas sesións estabase a comprobar que non temos aínda fabricado nengún de dous dos produtos acordados, por diferentes motivos. Polo tanto acordouse empezar a fabricación dun produto novo. Xabier, o diseñador do mesmo será tamén o responsable de traer o material necesario para a súa fabricación.


23 de febreiro de 2018

Rosalía de Castro

Hoxe recibimos máis anaquiños de historia, da nosa historia vital, da nosa cultura, da man dos nosos pais e nais cos versos de Rosalía. Grazas por compartirdes connosco este agasallo de imaxes e palabras.





Ilusións ópticas

Esta semana vimos varios exemplos de ilusións ópticas. Hoxe foi Menciía a nosa mestra e deixounos a todos sorprendidos coas gafas, os espellos e as tarxetas que parecían enganar aos nosos ollos, ou ao noso cerebro?
 
               






Divisións

Entramos na etapa de maior concentración en matemáticas. Temos que dominara mecánica das divisións con números decimais e sermos moi rigurosos co proceso para non cometer erros. Podedes practicar con estes exercicios ata dominalas. Ánimo.



Tamén podedes practicar neste xogo, pero tendes que empezar na segunda sesión pois na primeira hai un erro grave. Tarda un pouquiño en cargar. Tende paciencia, que logo funciona moi ben.. División con decimais no divisor

22 de febreiro de 2018

Regulando as emocións

Hoxe, con María, fixemos dúas actividades para reflexionar sobre aquelas estratexias que podemos poñer en marcha para regular as nosas emocións. Utilizamos a técnica do ABC e, entre todos, propuxemos máis de 30.



Agora cada equipo ten que preparar un mural no que han de recoller a descrición da emoción sobre a que están a traballar, o emocionómetro, as situacións nas que se da, as expresións faciais e corporais que nola amosan, as estratexias que nos poden axudar a regulala e a música que nos evoca esa emoción ou que nos pode axudar a regulala tamén. Claramente ... queda moito traballo por facer. Olalla recordounos que no libro "Emocionario" podemos atopar unhas excelentes definicións de cada emoción.


Recordando a Rosalía

Rosalía é unha das máis grandes escritoras da nosa terra e os seus versos acompañaron aos nosos avós e ás nosas nais e pais dende cativos. Agora, con eles, imos recordar aqueles que máis lles gustaron, aqueles que máis marcaron o seu camiñar. Estes son algúns deses anacos de historia con Rosalía que nos acompañan ata agora:







Mañá poñeremos máis.

9 de febreiro de 2018

Festival de Entroido

Festa grande no colexio na que cada un dos cursos rememorou a historia destes 50 anos no CEP Magariños, acompañados de música, bailes e unha vez máis das nais e pais que nos acompañaron con moitos ex- alumnos e antigos profesores.

Podedes escoitar a canción nesta ligazón: Baile do Magariños

Como  final de festa botamos a voar o globo da Paz, aínda que un golpe de vento non fixo posible o ascenso. Preparando o globo

Aínda así foi un día grande e unha bonita festa que quedará no recordo de todos.
Xa de volta na clase o profesor Juan Piñeiro contounos como lles ensinaba daquela aos seus alumnos o funcionamento do fígado e do corazón: nin máis nin menos que cun fígado e cun corazón reais dun tenreira! Moito temos que aprender destas experiencias.
A festa tamén tivo o seu punto rico, riquísimo coas orellas, rosquillas e filloas que todos trouxéchedes para compartir e que fala do bo facer das vosas nais, pais e avoas. Moitas grazas a todos.



7 de febreiro de 2018

CARTEANDO NA CLASE

Hoxe na clase fixemos cartas da amizade. A profe escribiu os nosos nomes 

nuns papeis e doblounos. Máis tarde repartiunos entre os nenos. A quen che 

 tocase tíñaslle que escribir unha carta da amizade cunha frase especial

                            "Non es bo, es mellor!".

                                                   Autora: CAROLINA REBOEIRAS,5ºB


Empezamos vendo que todos aportamos algo moi valioso; dende a diversidade construímos máis e mellor, vemos máis posibilidades e temos máis perspectivas. Cada un da clase tiña que coller 5 €  con billetes e moedas de xeito que ninguén tivese unha combinación repetida. E conseguímolo!















Logo vimos un anaquiño do vídeo O gato con botas na que o gato lle dicía a Katy: "Non es boa, es mellor".
Esa foi a clave para escribirlle unha carta de amizade a un compañeiro de clase facéndolle saber que non era  simplemente bo, era mellor. As cartas  quedaron realmente preciosas. Repartiranse o vindeiro venres para conmemorar o San Valentín  realzando o valor da amizade.

2 de febreiro de 2018

En igualdade

Dúas alumnas de sexto compartiron con nós un anaquiño do Plan Lector para presentarnos un libro que trataba de homes e mulleres. Dende logo deu moito para pensar e sobre o que seguir reflexionando. Grazas raparigas.

Xogando coas Emocións

Hoxe María presentounos un xogo que inventou e creou e ela e que fixo que toda a clase estivese moi pendente de todo o que acontecía. Foi realmente un cúmulo de emocións. Houbo que adiviñar palabras a partir de xestos, de expresións con palabras tabú, da música, do debuxo ... Aprendemos moito dunha maneira moi divertida. Mesmo repasamos lingua!!! O próximo venres ... máis. Grazas, María.