20 de xuño de 2018

Contacontos ...na Pastora

Os nosos nenos e nenas son realmente fantásticos.
Tanto é así que pasan o seu tempo de lecer nos recreo preparando contos e historias para contarlles aos máis pequenos ao longo do ano e hoxe, como agasallo especial, traspasaron as portas do colexio e da man da responsable de Biblioteca, a profe Paula, levaron os seus contos ata ...a Pastora, o seu tan querido e recordado colexio. Alí fixéronlle pasar un rato ben bonito aos pequerrechos de tres anos e fóronse cun gran sorriso, o agradecemento dos cativos, a promesa de máis contos o vindeiro ano e unha bonita foto a carón da súa orla.
Un ciclo que se pecha e da camiño a un novo que empezará á volta do verán con máis contos e historias para compartir.
Mil grazas, meus adorados contacontos!

Tempo de recollida

Estamos nos momentos finais do curso. É tempo de recoller.
Onte recollemos os froitos da horta e fomos ao Concello acompañados tamén da profe María para ver alí expostos os nosos murais da campaña "TBO e non che creo" sobre a prevención do consumo de alcohol.
Hoxe adicamos boa parte da clase a recoller os traballos e os exames.

E xa no final recibimos as felicitacións da vicepresidenta e as colaboradoras de AECC polo traballo realizado na cooperativa:  a doazón de parte dos beneficios para a prevención do cancro. Logo de amosarnos o traballo que realizan na Asociación déronnos uns agasallos e unha placa conmemorativa na que se recolle o seu agradecemento pola colaboración e o interese dos socios da cooperativa.

Mañá, recolleremos as notas e levaremos parte dese traballo realizado ao longo do curso; e levaremos tamén unhas ganas enormes de xogar e descansar... Por fin!

Vicki remata o curso expoñendo unha excelente ppt sobre a Idade Moderna e Olalla amósanos xogo das Ilusións Ópticas que trouxo a clase. Un excelente final.




18 de xuño de 2018

Entrega do donativo ao Refuxio

Hoxe estivo con nós Olga Costa, do Refuxio de animais de Cambados e fixémoslle entrega de parte dos beneficios obtidos coas ventas dos produtos fabricados na cooperativa. Ela veu acompañada dunha preciosa cadeliña, moi ben educada, que nos ensinou a importancia de cumprir unhas normas, dende pequeniños, para vivir en sociedade, tanto persoas, como animais. Falounos da importancia de que sexamos responsables co coidado dos animais e do medio ambiente en xeral. De seguro que teremos moi en conta as súas indicacións.

15 de xuño de 2018

Coa profe María

Estamos de parabéns; a profe en prácticas, María, defendeu onte na facultade o seu proxecto, o traballo que realizou coa nosa clase, e acadou a máis alta calificación, nada menos que un 10 e unha matrícula de honra. É un orgullo para todos os que a queremos tanto.

Saimos na tele

Hoxe, a partir das nove e media podedes ver a entrevista que a canle "Rías Baixas" lles fixeron  aos nosos patrulleiros.

Xantar dos socios da cooperativa

Hoxe, toda a clase coa nosa profe Rosa e a nosa profe en practicas, María, ás 14:05 imos a tomar unha deliciosa comida, no café-bar Reymar. Logo iremos ao parque. Imos  a pasalo  de marabilla!!!!!!!

                                                                 Salomé (Presidenta da cooperativa)

14 de xuño de 2018

Patrullas Urbanas, contacontos, guías, teatro ...

Moitas actividades para un mesmos día.
Martiño, Vicki, Carolina e Candela inauguraron o programa de Patrullar Urbanas da man de Gil, o monitor da Policiía Local de cambados que, no día de hoxe estivo acompañado tamén do xefe da Policía Local. E a ocasión ben o merecía. Os rapaces fixeron un precioso traballo. Van aprender pouco a pouco como coordinarse e como proceder en cada momento, pero, de seguro, conseguirán maior seguridade para o deambular dos nosos alumnos e alumnas e tamén a mellor circulación dos vehículos diante do centro. Mil grazas, equipo.

Logo máis de media clase creou un marabilloso contacontos para recibir aos pequerrechos da pastora: "Noite de mudanzas". O certo é que lles quedou tan ben feita que a profe Paula lles pedíu que a repetisen para os nenos e nenas de terceiro durante o Plan Lector.

O resto da clase fixeron de guías na horta e tiveron que explicarlles aos máis cativos  cales eran as plantas que alí tiñamos: acelgas, espinacas, chícharos, fabas e xudías, pepinos, calabacíns, pementos, repolos, patacas, tomates, cebolas, perexil, albahaca, leitugas e amorodos! Case nada!. Deixamos colocados carteis identificativos de cada especie. O certo é que os carteis son moi de agradecer, mesmo para o alumnado de quinto, que non sempre recorda o nome de cada especie!!!

E para rematar a xornada Salomé, Olalla, Vicki e outro 15 alumnos e alumnas do centro dos diferentes cursos estarán ás catro da tarde no auditorio para representar a obra de teatro "50 anos. Vaia historia!" que relata pequenas pinceladas que conforman a vida dun centro, e que inclúen tamén un pequeno recordo a outros tempos. De novo mil grazas, raparigos e raparigas de quinto.