Escoitamos a Luis que nos presentaba na aula os distintos animais e prantas que podiamos atopar na zona de exploración.
Logo saímos cara o Muíño da Seca para recoller o lixo da contorna e clasificalo, para logo botar nos contedores correspondentes.
Vimos garcetas, garzas reais, espátulas, ocas e, por suposto, gaivotas.
Recollemos lixo de todo tipo, pero o que máis abundaba eran os plásticos. Había latas, vidro, metais, redes, materiais de construción ...
Intentando recoller unhas latas, o noso compañeiro Mateo quedou atrapado no fango e non conseguía saír. Foron ao seu rescate Iago, Vicki e Gio, pero tamén quedaban enterrados. Finalmente, unha das monitoras, Antía, conseguíu sacalo, pero quedaron enterrados os seus zapatos deportivos. Menos mal que Luis, outro dos monitores, conseguiu recuperalos, do contrario quedarían formando parte do lixo que emporcalla as nosas Rías.
Todos aprendemos que é moi complicado limpar e recoller, incluso perigoso. Pola contra apenas nos costa traballo tirar o lixo no contedor correspondente, Fagámolo ben, polo ben de todos.
Grazas Mateo, pola túa implicación; aos demais por seren tan bos compañeiros, responsables e solidarios; e aos monitores por facernos partícipes dunha experiencia única.