23 de maio de 2018

Por fin no mercado de Cambados.

Chegou o gran día despois de tanto traballo, de tanta expectación, de tantos preparativos.
E pagou a pena, certamente o esforzo realizado.
O éxito de ventas foi total dado que se esgotaron todos os produtos e mesmo temos varias encargas realizadas.
Pero foi un éxito sobre todo ver como cada un dos socios cumpría o seu cometedo en función do rol que lle correspondeu no seu Departamento: ventas, publicidade, loxística, rexistro, caixa. Ver como uns axudaban e complementaban o traballo dos outros. Comprobar a súa independencia e a súa autonomía ante o público, o seu saber estar e a corrección e pulcritude con que levaron adiante a encomenda. Noraboa rapaces e grazas familias polo apoio prestado.

O traballo que se iniciou alá polo mes de outubro cando tomaron a decisión en asemblea de crear a cooperativa, a presentación e defensa de candidaturas  para desenvolver os roles de presidente, secretario/a ou tesoureiro/a, os procesos electorais; as propostas de logos, lemas, nome de empresa coas consabidas votacións; a redacción de estatutos e actas, as decisións sobre o capital que había de aportar cada socio e o rexistro de socios ... Xa en novembro tivo lugar a presentación na Deputación de Pontevedra da nosa cooperativa por parte da nosa presidenta, Salomé, que realizou un traballo exquisito; a recollida do CIF; as charlas informativas da axencia tributaria sobre a necesidade de pagar impostos e o destino dos mesmos; ou as visitas a outras empresas como Gráficas Salnés cos que tanto aprendemos; a presentación de prototipos de produtos; a realización dun estudo de mercado e de novo votacións para determinar cales se ían fabricar.

De xaneiro a marzo as horas de plástica pasaron voando coa fabricación dos diferentes produtos; dende abril iniciouse a etapa do diseño das etiquetas, tanto en ordenador como en soporte papel; tamén houbo que diseñar os carteis publicitarios e os do posto de venta; presentáronse propostas de embalaxe ...

Na parte administrativa tivemos que preparar o Curriculum Vitae para presentarnos aos diferentes departamentos da empresa e en función das características e cualidades de cada un asignouse a distribución de tarefas. Tivemos que investigar e decidir a que ONG destinariamos parte dos beneficios e a porcentaxe que se ía asignar. As dúas ONG seleccionadas foron AECC e o Refuxio de animais de Cambados.

Tamén aprendemos a redactar unha instancia para solicitar o posto de venta e permiso para  distribuir a publicidade. Recibimos a resposta oficial do Concello; a nosa presidenta pagou no banco as correspondentes tasas e ... con todo listo chegou o gran día: hoxe, 23 de maio.

Aínda quedan dúas tarefas pendentes: escribirlle unha carta ás dúas ONG para facerlles entrega da parte recaudada que se lles vai doar e decidir tamén en que se van gastar os beneficios obtidos coa venta que quedan para os socios: xantar, saída, excursión, festa !!! Pero de seguro, o máis bonito; disfrutar dun estupendo equipo de traballo.




 Co concelleiro de economía:



 Facendo publicidade:

























 Case todo vendido xa!!: