22 de xuño de 2016

Felices Vacacións

Pasade un moi bo verán e disfrutade da familia e dun moi merecido descanso.

Lede moito e, como seguramente ides ter tempo para todo, dádelle unha ollada ás recomendacións que vos deixo no "Diario de 5ºB"

Festa cos afillados

Como bos padriños lectores, agasallamos aos nosos afillados cun conto de "Bichos" e logo compartimos con eles unha boa merendola. Para rematar os nosos artistas tíñande preparadas varias actuacións. Tamén eles nos sorprenderon cun baile moi bonito.
Levaremos no recordo un precioso corazón na que padriño e afillado se collén da man para seguir xuntos no mundo dos soños e os contos, tamén no verán.

Festival de Fin de curso

Tivemos un festival de fin de curso cunhas actuacións preciosas e moi emotivas. Parabéns para todos e moi especialmente para a profe de música. Os nosos rapaces de 51 A e 51 B tiñan preparados uns bailes que namoraron a todo o público. Fixérono xenial.
Parabéns.

9 de xuño de 2016

Saída a Campolameiro

A saída de mañá será dentro do horario escolar, de 9 a 14 h. Polo tanto traede na mochila so o indispensable que traedes para calquera recreo (merenda e auga) e unha libretiña pequena para tomar notas, ao igual que na saída que fixemos a Coruña. Nada de libros nin libretas de aula!!!
Desta volta, por precaución, deberiades poñervos protección solar na cara e traer tamén unha gorra para o sol.
Xa sabedes, calzado cómodo! E a disfrutar do contorno no que se moveron os nosos antergos.

Navega con rumbo

Hoxe tivemos unha charla titulada "Navega con rumbo" na que nos explicaron como navegar por internet de forma segura. Vimos un vídeo que nos impactou bastante e aprendemos a non facer caso dos bulos, a utilizar o CCO, a evitar os SPAM, a ter contrasinais seguros, a non quedar con descoñecidos sin que o saiban nosos pais e,moi especialmente, a coidar moito a nosa vida privada.Teñámolo sempre presente.

7 de xuño de 2016

Teatro na aula

Uau!!!
Menuda sorpresa!
Hoxe, máis de media clase tiña preparada unha nova versión dunha peza de teatro que eles inventaran e xa representaran a principio de curso. Malia que a peza empezou sendo unha obra de medo, rematou moi ben.
A iniciativa coincidiu coa sesión de teatro lido que viña despois e á que lle puxeron voz outros compañeiros.
Parabéns para todos.

3 de xuño de 2016

De compras na praza

Chegou o día tan esperado e por fin puidemos ir comprar á praza de abastos.
Cada equipo dispoñía de 10 € para facer a compra. Tiña que preparar un menú para catro persoas que incluíse un primeiro prato, segundo prato e sobremesa. Por suposto, debía ter peixe, froita e verduras. Tamén podían completalo con carne, pasta, patacas e, como non, queixo.
Todos os grupos acadaron satisfactoriamente o obxectivo previsto facendo unha compra equilibrada e suficiente  cos cartos asignados. Todos, ademais, prepararon pratos diferente e mesmo foi diferente a froita que escolleron de sobremesa.
Cabe destacar tamén o ben que se organizaron e o seu comportamento. Moitos foron agasallados, polo seu bo facer, con descontos especiais ou mesmo con algún produto fresco.
Foi un pracer vervos tan autónomos e autosuficientes tomando decisións equilibradas e saudables. Parabéns, rapaces.
















 Todos os equipos mercaron leituga (de distinto tipo) e pataca do país. Polo demais a ampla diversidade nas súas eleccións en peixe, carne e froita, como puidemos comprobar ao chegarmos a clase e facer a táboa comparativa e a exposición de produtos.

Teatro e Coro das Emocións

Onte tivo lugar a actuación do grupo de teatro do colexio que representou as obras "Viaxe a Algunha parte" e "Coida a túa lingua". Nelas participaron tres alumnos da nosa clase. Os tres merecen a máis grande noraboa pola súa excelente actuación e por estar tan pendentes de todos os detalles para que todo saíse ben.






De seguido toda a clase, xunto cos compañeiros de 5ºA interpretaron dúas peza que xa tiñan preparadas para o Corodas Emocións. Moi bonitas as dúas e moi difíciles de interpretar.


O broche de ouro puxérono as actuacións do alumnado de 6º, realmente excelentes e que nos deixaron abraiados pola súa calidade, beleza e coordinación. Parabén a todos e moi especialmente á profesora Lucía.