Hoxe recordando a Neira Vilas co poema "Ai, amor" repasamos varios contidos que tratamos neste tempo e que serán avaliados no exame do xoves: a lírica, os versos e as estrofas, a diferenza entre rima asoante e consoante, os pronomes tónicos e átonos, os substantivos ... Pero ademais, acordámonos dos nosos emigrantes, daqueles que tiveron que irse lonxe, moi lonxe, deixando atrás aos seus amores, a mocidade. Daquela, cando aínda non había teléfono nas nosas aldeas, cando as comunicacións eran difíciles, cando aínda non se inventaran as consolas e os videoxogos... daquela.
Déixovos aquí, para recordar, o poema.
Ai, amor! Xosé Neira Vilas
Que lonxe! Que lonxe estás!
Canta terra entre nós dous.
Peno dende que te fuches.
Ai, amor! Ai, amor!
Cando busco nos teus ollos,
magóame o corazón.
Cantas cousas non pasaron!
Ai, amor! Ai, amor!
Pasaron meses e anos,
e a mocidade pasou.
Mido por noites o tempo.
Ai, amor! Ai, amor!
Por ti agardo cada día,
ateigada de ilusión.
Ven axiña, volta a min.
Ai, amor! Ai, amor!
Ai amor, que lonxanía!
Que soedade, que delor!
Vivir sen ti non é vida.
Ai, amor! Ai, amor!
Cartas van e cartas veñen
e as palabras tinta son.
Quero escoitar a túa voz!
Ai, amor! Ai, amor!
Tamén podedes escoitar a canción que para el crearon Mini e Mero e que interpretaron na súa honra o día do seu enterro.