24 de novembro de 2017

Maltrato sutil

Como mañá non hai escola, hoxe falamos do Día internacional contra a violencia de xénero e dos distintos tipos de maltrato.
Por un lado falamos do maltrato sutil que sofren as mulleres cando a publicidade, a sociedade e cada un de nós as pretende convencer de que non son auténticas e marabillosas tal e como como son e teñen que ser máis altas, máis delgadas, máis pintadas, máis ... ata que chegan a pensar que non valen nada ou que valen tan pouquiño que é normal que alguén as menosprecie, as insulte ou lles pegue. É un maltrato sutil no que todos participamos.
 Logo vimos un vídeo moi duro onde puidemos apreciar que certas "bromas" pasan de bromas pesadas e degradantes; non se poden consentir de xeito ninguún, porque esas "bromas" acaban creando persoas que realmente se cren con dereito a humillar, insultar, despreciar e "maltratar" ás súas compañeiras ... Acaban formando persoas maltratadoras, o inimigo, o perigo maior que unha muller, unha nena, unha rapaciña se pode atopar no día de hoxe.
Vimos varios recortes de prensa no que se recollen moitas noticias de morte e maltrato, e tamén de persoas e organizacións que axudan as mulleres, pero non nos deu tempo a comentalos. Seguiremos prestando moita atención ao que acontece ao noso redor.