30 de abril de 2018

Maio

Hoxe trouxemos flores, fiuncho e xestas para facer o maio. Deixamos os materiais no patio dos pequenos e quedamos creando e ensaiando unha canción de maio. Tivemos moi pouco tempo, pero grazas á profesora de música conseguimos cantala hoxe mesmo diante dos máis pequenos do cole, que xa tiñan o maio rematado. Por certo, quedoulles precioso.
A última hora da mañá, despois do recitado dos poemas dos alumnos e alumnas de terceiro cantamos arredor do maio, algo baixiño, pero con moito ritmo.
Foron logo os demáis alumnos e a profesora de música os que ían propoñendo estrofas dos cantos de maio que todos podiamos repetir facilmente marcando o ritmo. Fixérono todos realmente ben. Noraboa.